miércoles, 15 de septiembre de 2010

Só vou gostar de quem gosta de mim - Caetano Veloso

Vou dicirme isto todos os días coma se fose unha oración matutina
Despois dun longo e se cadra necesario silencio estou aquí de novo. Volvín pescudar en min mesma, na miña intrahistoria, e case sen querer miña nai rescatou para min un episodio do seu pasado, do seu pai, meu avó Antonio, que quero contarvos.
Un amigo do me avó regaloulle unha parella - Eran macho e femia? Non se sabe - de pombas para que criasen pichóns. Nos anos da fame facíase un caldo con eles para darlle a un neno delicado ou a alguén enfermo, nada que ver cos medios farmacéuticos e alimentarios que hoxe temos ao noso alcance.
A parella de pombas estaba cada día que pasaba máis triste e nin rastro de crías. Meu avó decidiu deixalos en liberdade.
Ao cabo dun tempo sentiron nos tellados e nas follas da parra que cubría a horta de meus avós a un pombo que insistentemente parecía repetir unha fórmula de cortexo para convencer a unha nova pomba - non a que antes habitara a nosa casa - de que entrase no niño que aínda quedara sen desfacer. Tanto se esforzou aquel macho no seu canto que a temerosa femia acabou por entrar e alí pasado pouco tempo foron aparecendo as esperadas crías. Miña nai xa non recorda canto durou aquela feliz parella a pesar do infortunado destino dos seus fillos.
Esta historia levoume a pensar na diferenza entre os pombos e os homes. Ao que habitou a nosa casa non lle valía calquera femia, viviu na tristura ata que atopou e conquistou con paciencia a pomba dos seus soños - Soñarán os paxaros? -. Moitos homes e mulleres permanecen anos e anos ao lado da persoa que non habita os seus soños, e mesmo aparentan felicidade. Que clase de instinto primario estamos perdendo?
Agora comprendo porque de todos os cuartos que había na casa de meus avós no Grove eu sempre preferín durmir nun, e nel tiven os soños máis felices e excitantes, xamais me vin tan guapa como cando me reflectía naquel espello. Nese cuarto viviran os seu amor a parella namorada e alada, que saía e entraba con liberdade del. Naquel cuarto quedou o espírito da súa paixón, do amor que escolle e se entrega a unha soa de entre todas as pombas que con nós conviven.