viernes, 29 de octubre de 2010
Pásame como a Marguerite, parece que o meu son os silencios ante a imaxe en branco destinada a ser escrita e mentres tanto aparecen constantemente as músicas que amo. Non podo deixar de amalas, e tamén me pasa con algunhas persoas, e co baile. Non sempre cando amamos sacamos o mellor que temos, pero si o facemos coa música. A ela non lle temos medo e deixámonos levar sen pensar cara ónde imos, se seremos capaces de lembrar o camiño de volta, os desvíos á esquerda ou á dereita para volver a casa, a ese reducto de nós mesmos no que nos sentimos protexidos. Cando é a música a que nos leva non nos importa saber volver porque sabemos que non estamos perdidos e que somos a mellor versión que podiamos soñar de nós mesmos. É como cando o sexo é perfecto e sen a necesidade de conversar despois. A noite está fría pero estrañamente feliz, como cando bailas e non sentes a necesidade de contar os pasos.
miércoles, 15 de septiembre de 2010
Só vou gostar de quem gosta de mim - Caetano Veloso
Vou dicirme isto todos os días coma se fose unha oración matutina
Despois dun longo e se cadra necesario silencio estou aquí de novo. Volvín pescudar en min mesma, na miña intrahistoria, e case sen querer miña nai rescatou para min un episodio do seu pasado, do seu pai, meu avó Antonio, que quero contarvos.
Un amigo do me avó regaloulle unha parella - Eran macho e femia? Non se sabe - de pombas para que criasen pichóns. Nos anos da fame facíase un caldo con eles para darlle a un neno delicado ou a alguén enfermo, nada que ver cos medios farmacéuticos e alimentarios que hoxe temos ao noso alcance.
A parella de pombas estaba cada día que pasaba máis triste e nin rastro de crías. Meu avó decidiu deixalos en liberdade.
Ao cabo dun tempo sentiron nos tellados e nas follas da parra que cubría a horta de meus avós a un pombo que insistentemente parecía repetir unha fórmula de cortexo para convencer a unha nova pomba - non a que antes habitara a nosa casa - de que entrase no niño que aínda quedara sen desfacer. Tanto se esforzou aquel macho no seu canto que a temerosa femia acabou por entrar e alí pasado pouco tempo foron aparecendo as esperadas crías. Miña nai xa non recorda canto durou aquela feliz parella a pesar do infortunado destino dos seus fillos.
Esta historia levoume a pensar na diferenza entre os pombos e os homes. Ao que habitou a nosa casa non lle valía calquera femia, viviu na tristura ata que atopou e conquistou con paciencia a pomba dos seus soños - Soñarán os paxaros? -. Moitos homes e mulleres permanecen anos e anos ao lado da persoa que non habita os seus soños, e mesmo aparentan felicidade. Que clase de instinto primario estamos perdendo?
Agora comprendo porque de todos os cuartos que había na casa de meus avós no Grove eu sempre preferín durmir nun, e nel tiven os soños máis felices e excitantes, xamais me vin tan guapa como cando me reflectía naquel espello. Nese cuarto viviran os seu amor a parella namorada e alada, que saía e entraba con liberdade del. Naquel cuarto quedou o espírito da súa paixón, do amor que escolle e se entrega a unha soa de entre todas as pombas que con nós conviven.
lunes, 6 de septiembre de 2010
miércoles, 18 de agosto de 2010
miércoles, 11 de agosto de 2010
Cando me ía achegando o aire estaba morno, calmo, viña cambio de tempo. Souben entón que a temperatura da auga sería perfecta para nadar e que as mareas estaban vivas e altas. E así foi. Logo quedei durmida escoitando o mar. Xa non lembraba esa paz.
Ás veces o tempo do mar e o dunha mesma non coinciden, pero a fidelidade entre os dous acaba dando momentos perfectos. O luns á noite tamén foi así. Non había mar pero souben que nada ía saír mal.
Ás veces o tempo do mar e o dunha mesma non coinciden, pero a fidelidade entre os dous acaba dando momentos perfectos. O luns á noite tamén foi así. Non había mar pero souben que nada ía saír mal.
lunes, 2 de agosto de 2010
E sempre que comeza para min algo importante, un cambio radical de calquera signo, ten que escenificarse no Porto, ou como o sábado, contemplando unha das miñas cidades preferidas desde un magnífico mirador iluminado e coa voz e a música de Abrunhosa. Dáme medo utilizar as miñas propias palabras de novo despois de escoitalo, de recordar que o amor se pode expresar con distintos tipos de berros, sempre cara á esquerda e sen deixar que caian as pontes que nos unen ao mundo. Este blog é unha, xorde desta necesidade de compartir o que sinto.
viernes, 30 de julio de 2010
miércoles, 28 de julio de 2010
martes, 20 de julio de 2010
lunes, 19 de julio de 2010
A praia Lago recibiunos cun magnífico día de verán a Laura e a min, só faltaron as pipas, pero ata o venres non poderei disfrutalas. Ese día libéranme os dentes e espero que de paso o resto de min mesma.
O mundo respira vacacións e eu aquí a traballar coas palabras, e coas plantas do xardín que por fin podei e limpei, coa roupa para pranchar. Deixo aparcadas as historias dos homes e mulleres do Grove no momento ideal para lelas e mergúllome unha e outra vez na miña propia historia - na que tamén están eles -. Recuperar a miña antes de que todos recuperemos a colectiva. O Álvaro de "El corazón helado" descobre a da súa avoa Teresa ao tempo que se namora por primeira vez e de verdade, sen remedio (nin falta que fai). Que fariamos hoxe se unha sublevación militar nos obrigase a defender coa vida aquilo no que cremos?
sábado, 17 de julio de 2010
O día do Carme non foi como esperaba, e de novo seguín o camiño marcado polos demais, aínda que estes sexan a xente que quero. Non dei un paseo á beira do mar pola noite, non vin as luces de cores das festas (Carril, Vilaxoán), aínda que si oín os estoupidos desde un salón onde dominaba a tele.
Hoxe cambio de pantalla, esta que me agarda para que lle fale sen medo. E sempre está a agardarme pola noite, cando as demais voces calan, cando xa ninguén opina sobre o que debo facer.
O Carme foi o milagre de que alguén te sacase a bailar porque si, porque era verán e había festa, e porque ademais o verán só acababa de empezar, estaban os días e as noites por diante, a falta de medo a equivocarse, a bailar ou vivir mal porque aínda todo se podía aprender. O inverno quedaba lonxe, e xa se vería, con ese espíritu tan mariñeiro de navegar coa marea desta noite, non coa que se prevé que naza mañá. E eu estaba segura de non ser a máis guapa do baile, pero tamén de que bailaría toda a noite, uns levaríanme sen dubidar, con outros tropezaría nos pés, e todos estaban agardando para bailar comigo.
Hoxe creo que miro demasiado os pés, que me preocupa tropezar, que xa non confío en que a música e quen sexa me leven, a non ser que eu baile soa esa música, como no "Marino", aquela discoteca ao lado da casa da miña avoa na que Bob Marley tocaba só para min, e o pinchadiscos tamén. Non había ningunha música que me fixese sentar naqueles sillóns en penumbra, e se se facía tarde tocáballe na ventá do cuarto no que durmiamos xuntas a miña avoa mais eu para que me deixase seguir bailando un pouco máis. Sempre me deixaba.
Un día destes vou procurar un lugar e unha banda sonora que non me deixen saír da pista, e prometo que non me vou volver preocupar dos pés.
miércoles, 14 de julio de 2010
Vale, Manolo, Xan, Teté, Charo, estádesme animando a que deixe de citar aos demais (incluso relegando a Almudena) para buscar as miñas propias palabras. Para vencer o medo desta pantalla en branco, recupero agora parte do que escribín no inicio da miña tese sobre Duras:
Mais Marguerite Duras tamén foi consciente de que a memoria do escritor, a de todo individuo, é desigual e recrea singularmente o pasado. Non é posible crear mundos de ficción oranizados pola lóxica e a orde temporal se a percepción do vivido que se quere transmitir é tan persoal e, en ocasións, caótica. Establecer fronteiras nítidas entre o que se quere relatar e as emocións que causa é labor imposible segundo Duras. (...)
Os personaxes máis representativos da obra de Duras son persoas fragmentadas, dolorosamente conscientes da imposibilidade de vivir a paixón que desexan. Para eles o tempo non é unha cadea lóxica e ordenada de acontecementos, só é a xustaposición de momentos, de instantes que permanecen obsesivamente na memoria, e imposibles de revivir salvo a través da palabra. para estes seres o importante xa sucedeu, pertence a onte, e só poden xa relatalo. Nada máis. Viven na convocatoria recorrente de momentos pasados. (...)
Compartimos con Marguerite Duras, entre outras cousas, unha atracción irrresistible por todo o que suceda sobre as táboas dun escenario. A forza da súa palabra escénica levounos a buscar a autora dramática. Descubrimos unhas postas en escena alleas á nosa práctica teatral máis cercana - xamais se representou en Galicia un texto da autora -. Descubrimos tamén unha muller e unha forma distinta de concebir a literatura. Unha literatura que se elabora ao tempo que se vixían os lumes da cociña e a todos os nenos que xogan no parque.
martes, 13 de julio de 2010
"En estos días todo el viento del norte sopla en tu dirección..." Silvio xa me leu a mente hai tempo, e así eu poño día tras dia neste blog recén nacido as palabras con música doutros que falan sobre min. Quédame Almudena, aínda non a citei, pero a leo todas as noites. Debería pecharme soa, nete caso coa pantalla e non cuns cadernos, como facía a miña Marguerite Duras. Da cousa alcohólica será tamén mellor prescindir, da música non. Vou ir pouco a pouco navegando entre estas fortes mareas - algunhas pasan completamente por riba de min e asuláganme -.
lunes, 12 de julio de 2010
sábado, 10 de julio de 2010
viernes, 9 de julio de 2010
O día despois sempre é difícil, hai máis calma pero a dor é máis intensa. Unha película de fotogramas dispersos pasa constantemente pola miña cabeza, algúns deles repítense. Volver de novo a empezar sen que estea marcada a liña de saída. Nela hoxe só hai croquetas, preparativos de viaxe para Lois, cumpreanos para Laura e quizais o lago mañá. Nada máis e nada menos.
miércoles, 7 de julio de 2010
martes, 6 de julio de 2010
Agora debería explicarvos o das pipas, a praia e o lago.
O primeiro é o nome dunha praia que quero moito no Grove, foi a primeira que visitou o meu Lois con pouquiños meses de vida. Por outro lado, comer pipas na praia na tardiña é un dos maiores praceres que concibo.
E xa estamos na segunda palabra, querería esar case sempre nela e rematar o meu camiño mergullada no mar (no do Grove, o de Fisterra, o de Muxía...). Paréceme o mellor lugar para despedirse da vida e tamén para celebrala facendo o amor na area, ou simplemente, como tamén dicía Marguerite, para contemplar e coidar a todos os nenos que xogan nela.
E co lago volvo de novo a Lois, el pode ser que non estivese aquí de non pasar seu pai mais eu por este lugar máxico da costa de Muxía, da man de Xan, por suposto. O lago é auga, a auga vida, o lugar onde beben os cervos e van lavar o pelo as rapazas namoradas desexand atopar quen as abrace.
A semana pasada volvín alí, e non comprendo agora como pasei tanto tempo lonxe, noutras augas, noutros mares. A miña Laura di que xa non quere ir a outra praia, non quere bañarse nutras augas, e ela é a intelixente da familia, e a máis forte, sen dúbida, polo que, buscando margaritas, pasaremos moitos días comemdo pipas na praia do Lago.
O primeiro é o nome dunha praia que quero moito no Grove, foi a primeira que visitou o meu Lois con pouquiños meses de vida. Por outro lado, comer pipas na praia na tardiña é un dos maiores praceres que concibo.
E xa estamos na segunda palabra, querería esar case sempre nela e rematar o meu camiño mergullada no mar (no do Grove, o de Fisterra, o de Muxía...). Paréceme o mellor lugar para despedirse da vida e tamén para celebrala facendo o amor na area, ou simplemente, como tamén dicía Marguerite, para contemplar e coidar a todos os nenos que xogan nela.
E co lago volvo de novo a Lois, el pode ser que non estivese aquí de non pasar seu pai mais eu por este lugar máxico da costa de Muxía, da man de Xan, por suposto. O lago é auga, a auga vida, o lugar onde beben os cervos e van lavar o pelo as rapazas namoradas desexand atopar quen as abrace.
A semana pasada volvín alí, e non comprendo agora como pasei tanto tempo lonxe, noutras augas, noutros mares. A miña Laura di que xa non quere ir a outra praia, non quere bañarse nutras augas, e ela é a intelixente da familia, e a máis forte, sen dúbida, polo que, buscando margaritas, pasaremos moitos días comemdo pipas na praia do Lago.
Encantaríame que me regalasen sempre margaritas, segue sendo a miña flor preferida e, ademais, Marguerite é o nome da muller que coa súa vida e obra me apaixonou tanto que non parei ata demostrarme a min mesma que podía escribir unha tese sobre ela. Volvín ver as súas fotos e vídeos hai pouco, e pensei que a tiña un tanto esquecida e que tamén debería compartila con vós.
Neste camiño que andamos imos lembrando persoas que quixemos e aínda queremos, xente que non estaba nos libros e si no noso día a día, e esperamos tamén atopar novas "margaritas", máis persoas a quen querer para percorrer xuntos, por tramos ou ata o final, o camiño a Itaca.
Neste camiño que andamos imos lembrando persoas que quixemos e aínda queremos, xente que non estaba nos libros e si no noso día a día, e esperamos tamén atopar novas "margaritas", máis persoas a quen querer para percorrer xuntos, por tramos ou ata o final, o camiño a Itaca.
Suscribirse a:
Entradas (Atom)