miércoles, 28 de julio de 2010

E vai pasando o verán, o auténtico, o de verdade, o dos días de luz ata as once da noite. Herdei da miña bisavoa ese agoiro de "1º de agosto 1º de inverno" e intento loitar contra el aproveitando ata a última hora de luz, de auga salgada.
Hoxe desexo agosto e quero tamén loitar contra el.

martes, 20 de julio de 2010

Hoxe si que chega a tormenta, mais coma sempre nestes casos hai agora unha calma case pracenteira, a que precede a unha chuvia que sabemos que limpará o chan, dará de beber ás plantas e nos refrescará os ánimos.

lunes, 19 de julio de 2010

A praia Lago recibiunos cun magnífico día de verán a Laura e a min, só faltaron as pipas, pero ata o venres non poderei disfrutalas. Ese día libéranme os dentes e espero que de paso o resto de min mesma.
O mundo respira vacacións e eu aquí a traballar coas palabras, e coas plantas do xardín que por fin podei e limpei, coa roupa para pranchar. Deixo aparcadas as historias dos homes e mulleres do Grove no momento ideal para lelas e mergúllome unha e outra vez na miña propia historia - na que tamén están eles -. Recuperar a miña antes de que todos recuperemos a colectiva. O Álvaro de "El corazón helado" descobre a da súa avoa Teresa ao tempo que se namora por primeira vez e de verdade, sen remedio (nin falta que fai). Que fariamos hoxe se unha sublevación militar nos obrigase a defender coa vida aquilo no que cremos?

sábado, 17 de julio de 2010

O día do Carme non foi como esperaba, e de novo seguín o camiño marcado polos demais, aínda que estes sexan a xente que quero. Non dei un paseo á beira do mar pola noite, non vin as luces de cores das festas (Carril, Vilaxoán), aínda que si oín os estoupidos desde un salón onde dominaba a tele.
Hoxe cambio de pantalla, esta que me agarda para que lle fale sen medo. E sempre está a agardarme pola noite, cando as demais voces calan, cando xa ninguén opina sobre o que debo facer.
O Carme foi o milagre de que alguén te sacase a bailar porque si, porque era verán e había festa, e porque ademais o verán só acababa de empezar, estaban os días e as noites por diante, a falta de medo a equivocarse, a bailar ou vivir mal porque aínda todo se podía aprender. O inverno quedaba lonxe, e xa se vería, con ese espíritu tan mariñeiro de navegar coa marea desta noite, non coa que se prevé que naza mañá. E eu estaba segura de non ser a máis guapa do baile, pero tamén de que bailaría toda a noite, uns levaríanme sen dubidar, con outros tropezaría nos pés, e todos estaban agardando para bailar comigo.
Hoxe creo que miro demasiado os pés, que me preocupa tropezar, que xa non confío en que a música e quen sexa me leven, a non ser que eu baile soa esa música, como no "Marino", aquela discoteca ao lado da casa da miña avoa na que Bob Marley tocaba só para min, e o pinchadiscos tamén. Non había ningunha música que me fixese sentar naqueles sillóns en penumbra, e se se facía tarde tocáballe na ventá do cuarto no que durmiamos xuntas a miña avoa mais eu para que me deixase seguir bailando un pouco máis. Sempre me deixaba.
Un día destes vou procurar un lugar e unha banda sonora que non me deixen saír da pista, e prometo que non me vou volver preocupar dos pés.

El último de la fila - Como un burro amarrado...

Chico Buarque español - A pesar de voce

miércoles, 14 de julio de 2010

Vale, Manolo, Xan, Teté, Charo, estádesme animando a que deixe de citar aos demais (incluso relegando a Almudena) para buscar as miñas propias palabras. Para vencer o medo desta pantalla en branco, recupero agora parte do que escribín no inicio da miña tese sobre Duras:
Mais Marguerite Duras tamén foi consciente de que a memoria do escritor, a de todo individuo, é desigual e recrea singularmente o pasado. Non é posible crear mundos de ficción oranizados pola lóxica e a orde temporal se a percepción do vivido que se quere transmitir é tan persoal e, en ocasións, caótica. Establecer fronteiras nítidas entre o que se quere relatar e as emocións que causa é labor imposible segundo Duras. (...)
Os personaxes máis representativos da obra de Duras son persoas fragmentadas, dolorosamente conscientes da imposibilidade de vivir a paixón que desexan. Para eles o tempo non é unha cadea lóxica e ordenada de acontecementos, só é a xustaposición de momentos, de instantes que permanecen obsesivamente na memoria, e imposibles de revivir salvo a través da palabra. para estes seres o importante xa sucedeu, pertence a onte, e só poden xa relatalo. Nada máis. Viven na convocatoria recorrente de momentos pasados. (...)
Compartimos con Marguerite Duras, entre outras cousas, unha atracción irrresistible por todo o que suceda sobre as táboas dun escenario. A forza da súa palabra escénica levounos a buscar a autora dramática. Descubrimos unhas postas en escena alleas á nosa práctica teatral máis cercana - xamais se representou en Galicia un texto da autora -. Descubrimos tamén unha muller e unha forma distinta de concebir a literatura. Unha literatura que se elabora ao tempo que se vixían os lumes da cociña e a todos os nenos que xogan no parque.

martes, 13 de julio de 2010

"En estos días todo el viento del norte sopla en tu dirección..." Silvio xa me leu a mente hai tempo, e así eu poño día tras dia neste blog recén nacido as palabras con música doutros que falan sobre min. Quédame Almudena, aínda non a citei, pero a leo todas as noites. Debería pecharme soa, nete caso coa pantalla e non cuns cadernos, como facía a miña Marguerite Duras. Da cousa alcohólica será tamén mellor prescindir, da música non. Vou ir pouco a pouco navegando entre estas fortes mareas - algunhas pasan completamente por riba de min e asuláganme -.

lunes, 12 de julio de 2010

viernes, 9 de julio de 2010

Te Doy Una Cancion

Silvio Rodríguez. Ojalá

Ana Belén y Antonio Flores - 'Sólo le pido a Dios' (directo)

Caetano Veloso - Eu Sei Que Vou Te Amar (Rome 1983)

O día despois sempre é difícil, hai máis calma pero a dor é máis intensa. Unha película de fotogramas dispersos pasa constantemente pola miña cabeza, algúns deles repítense. Volver de novo a empezar sen que estea marcada a liña de saída. Nela hoxe só hai croquetas, preparativos de viaxe para Lois, cumpreanos para Laura e quizais o lago mañá. Nada máis e nada menos.

miércoles, 7 de julio de 2010

Non quero perder a calma, pero tampouco a alegría, a ilusión, as ganas... Poderei por fin ser eu sen que as cousas me doan tanto?

martes, 6 de julio de 2010

Señora del mar

AQUELLAS PEQUEÑAS COSAS - MANU TENORIO

Agora debería explicarvos o das pipas, a praia e o lago.

O primeiro é o nome dunha praia que quero moito no Grove, foi a primeira que visitou o meu Lois con pouquiños meses de vida. Por outro lado, comer pipas na praia na tardiña é un dos maiores praceres que concibo.

E xa estamos na segunda palabra, querería esar case sempre nela e rematar o meu camiño mergullada no mar (no do Grove, o de Fisterra, o de Muxía...). Paréceme o mellor lugar para despedirse da vida e tamén para celebrala facendo o amor na area, ou simplemente, como tamén dicía Marguerite, para contemplar e coidar a todos os nenos que xogan nela.

E co lago volvo de novo a Lois, el pode ser que non estivese aquí de non pasar seu pai mais eu por este lugar máxico da costa de Muxía, da man de Xan, por suposto. O lago é auga, a auga vida, o lugar onde beben os cervos e van lavar o pelo as rapazas namoradas desexand atopar quen as abrace.
A semana pasada volvín alí, e non comprendo agora como pasei tanto tempo lonxe, noutras augas, noutros mares. A miña Laura di que xa non quere ir a outra praia, non quere bañarse nutras augas, e ela é a intelixente da familia, e a máis forte, sen dúbida, polo que, buscando margaritas, pasaremos moitos días comemdo pipas na praia do Lago.
Encantaríame que me regalasen sempre margaritas, segue sendo a miña flor preferida e, ademais, Marguerite é o nome da muller que coa súa vida e obra me apaixonou tanto que non parei ata demostrarme a min mesma que podía escribir unha tese sobre ela. Volvín ver as súas fotos e vídeos hai pouco, e pensei que a tiña un tanto esquecida e que tamén debería compartila con vós.

Neste camiño que andamos imos lembrando persoas que quixemos e aínda queremos, xente que non estaba nos libros e si no noso día a día, e esperamos tamén atopar novas "margaritas", máis persoas a quen querer para percorrer xuntos, por tramos ou ata o final, o camiño a Itaca.