O día do Carme non foi como esperaba, e de novo seguín o camiño marcado polos demais, aínda que estes sexan a xente que quero. Non dei un paseo á beira do mar pola noite, non vin as luces de cores das festas (Carril, Vilaxoán), aínda que si oín os estoupidos desde un salón onde dominaba a tele.
Hoxe cambio de pantalla, esta que me agarda para que lle fale sen medo. E sempre está a agardarme pola noite, cando as demais voces calan, cando xa ninguén opina sobre o que debo facer.
O Carme foi o milagre de que alguén te sacase a bailar porque si, porque era verán e había festa, e porque ademais o verán só acababa de empezar, estaban os días e as noites por diante, a falta de medo a equivocarse, a bailar ou vivir mal porque aínda todo se podía aprender. O inverno quedaba lonxe, e xa se vería, con ese espíritu tan mariñeiro de navegar coa marea desta noite, non coa que se prevé que naza mañá. E eu estaba segura de non ser a máis guapa do baile, pero tamén de que bailaría toda a noite, uns levaríanme sen dubidar, con outros tropezaría nos pés, e todos estaban agardando para bailar comigo.
Hoxe creo que miro demasiado os pés, que me preocupa tropezar, que xa non confío en que a música e quen sexa me leven, a non ser que eu baile soa esa música, como no "Marino", aquela discoteca ao lado da casa da miña avoa na que Bob Marley tocaba só para min, e o pinchadiscos tamén. Non había ningunha música que me fixese sentar naqueles sillóns en penumbra, e se se facía tarde tocáballe na ventá do cuarto no que durmiamos xuntas a miña avoa mais eu para que me deixase seguir bailando un pouco máis. Sempre me deixaba.
Un día destes vou procurar un lugar e unha banda sonora que non me deixen saír da pista, e prometo que non me vou volver preocupar dos pés.
No hay comentarios:
Publicar un comentario