miércoles, 14 de julio de 2010

Vale, Manolo, Xan, Teté, Charo, estádesme animando a que deixe de citar aos demais (incluso relegando a Almudena) para buscar as miñas propias palabras. Para vencer o medo desta pantalla en branco, recupero agora parte do que escribín no inicio da miña tese sobre Duras:
Mais Marguerite Duras tamén foi consciente de que a memoria do escritor, a de todo individuo, é desigual e recrea singularmente o pasado. Non é posible crear mundos de ficción oranizados pola lóxica e a orde temporal se a percepción do vivido que se quere transmitir é tan persoal e, en ocasións, caótica. Establecer fronteiras nítidas entre o que se quere relatar e as emocións que causa é labor imposible segundo Duras. (...)
Os personaxes máis representativos da obra de Duras son persoas fragmentadas, dolorosamente conscientes da imposibilidade de vivir a paixón que desexan. Para eles o tempo non é unha cadea lóxica e ordenada de acontecementos, só é a xustaposición de momentos, de instantes que permanecen obsesivamente na memoria, e imposibles de revivir salvo a través da palabra. para estes seres o importante xa sucedeu, pertence a onte, e só poden xa relatalo. Nada máis. Viven na convocatoria recorrente de momentos pasados. (...)
Compartimos con Marguerite Duras, entre outras cousas, unha atracción irrresistible por todo o que suceda sobre as táboas dun escenario. A forza da súa palabra escénica levounos a buscar a autora dramática. Descubrimos unhas postas en escena alleas á nosa práctica teatral máis cercana - xamais se representou en Galicia un texto da autora -. Descubrimos tamén unha muller e unha forma distinta de concebir a literatura. Unha literatura que se elabora ao tempo que se vixían os lumes da cociña e a todos os nenos que xogan no parque.

No hay comentarios:

Publicar un comentario