Agora debería explicarvos o das pipas, a praia e o lago.
O primeiro é o nome dunha praia que quero moito no Grove, foi a primeira que visitou o meu Lois con pouquiños meses de vida. Por outro lado, comer pipas na praia na tardiña é un dos maiores praceres que concibo.
E xa estamos na segunda palabra, querería esar case sempre nela e rematar o meu camiño mergullada no mar (no do Grove, o de Fisterra, o de Muxía...). Paréceme o mellor lugar para despedirse da vida e tamén para celebrala facendo o amor na area, ou simplemente, como tamén dicía Marguerite, para contemplar e coidar a todos os nenos que xogan nela.
E co lago volvo de novo a Lois, el pode ser que non estivese aquí de non pasar seu pai mais eu por este lugar máxico da costa de Muxía, da man de Xan, por suposto. O lago é auga, a auga vida, o lugar onde beben os cervos e van lavar o pelo as rapazas namoradas desexand atopar quen as abrace.
A semana pasada volvín alí, e non comprendo agora como pasei tanto tempo lonxe, noutras augas, noutros mares. A miña Laura di que xa non quere ir a outra praia, non quere bañarse nutras augas, e ela é a intelixente da familia, e a máis forte, sen dúbida, polo que, buscando margaritas, pasaremos moitos días comemdo pipas na praia do Lago.
No hay comentarios:
Publicar un comentario